Loading...

Lupe Murillo: "Traballamos cada día para facer un pouquiño máis grande ao club"

Pontevedra CF
27 de octubre de 2022

Entrevista realizada por XABIER FORTES


Lupe Murillo cumpre a súa novena tempada como presidenta do Pontevedra Club de Fútbol. A primeira vez que unha muller chega ao palco de Pasarón e vai camiño de batilo rexistro histórico de anos consecutivos dirixindo a nave granate. Co gallo do recente 81 cumpreanos da nosa entidade, conversamos a distancia, entre Madrid e Pontevedra, sobre o presente e futuro do club máis grande que viron os séculos.

 

- Lupe, empezou a liga como esperabades tralo traballado ascenso da pasada tempada?

O traballado ascenso Xabi, coma ti ben sabes, xa quedou no pasado, pero hai que lembralo cada día para crer que se pode. Nada hai doado no fútbol, e menos aínda no Pontevedra CF, un dos primeiros consellos que me deron os socios mais veteranos e algúns ex-xogadores de outras épocas, é que hai que ter paciencia. Os inicios de tempada serven para testar a categoría e o nivel dos nosos xogadores, serven para axustar as cousas e analizar aos rivais; niso estamos.


- Obxectivo deste ano? E o vindeiro?

Os presidentes dos clubs sempre agardan o mellor, algún son optimistas, outros cautos e outros realistas. O plantexamento que aconsella a realidade da cidade, do club e do deporte en xeral, é que temos que manter a categoría sen renunciar a nada. O plan do Pontevedra CF ten que ser de futuro e de estabilidade a longo prazo, sen límites, pero cos pés no chan.


- Aprendiches a ter algo máis de paciencia do que en ti é habitual?

Non é doado, xa o sabes, Xabi. Non coñezo outro traballo no que poidas sufrir cada fin de semana. Eu son competitiva, e aínda que sei que moita xente quere ver bo fútbol, e o fútbol é un espectáculo, dende fai anos eu só miro os resultados. Vou mellorando, pero...


- En Riazor houbo unha marea granate como había moito tempo que non se vía. Por qué en Pasarón as bancadas ofrecen ese aspecto valeiro? Quizais deberiades crear un novo cargo na xunta directiva, o de 'directivo encargado de levar a xente a Pasarón, aínda que sexa a rastras, cun lazo ou tocando unha frauta'...

Eu fun esa figura no club, a que traballou cerca da afección, e das peñas do club nos anos de Nino, tamén o conselleiro Manuel Ruibal nos primeiros anos deste Consello de Administración. Temos moito que traballar neste eido, moito, e non valen as excusas, aínda que cada vez hai menos xente nos campos (moito deporte na televisión, novas tecnoloxías que enganchan á xente nova, etc), o certo é que cando o Pontevedra CF necesita da cidade, a cidade responde. Non fai moito, no último partido de liga en Pasarón na tempada que rematou, 9.000 persoas acompañaron ao equipo cara ao ascenso. Pontevedra sempre responde!


- Por qué botaches tanto tempo sen conceder unha entrevista tralo ascenso? A presidenta dun club como o Pontevedra non debería ser máis accesible?

As veces un ten que deixar pasala euforia para poder ver as cousas de forma máis pausada. Aprendín no ascenso anterior, que a xente identifica como artífices do éxito aos xogadores e aos técnicos, polo que foron eles os que falaron cando rematou a tempada, era o seu momento. Eu son accesible, escoito a socios, afeccionados, empregados, pais ou periodistas que queran falar conmigo. Débome a eles, e non deixei de atender a ninguén que o pedíu.


- Tralo último ascenso houbo afeccionados que reclamaban que se fixera xa esa semana unha campaña de abonados. Non se tardou en exceso?

Gustaríame moito que as cousas foran máis rápido ás veces, pero non sempre somos capaces. Este ano foi dos que máis cedo saíu, pero hai moitos detalles detrás dunha campaña de socios que non permitiron acurtalos prazos.


- Como están as contas da entidade?

As contas trala pandemia, evidentemente, rompen o ciclo de superávit que trae este Consello de Administración dende que chegamos no ano da quebra económica no 2014. Os números da tempada pechada e da anterior, a de sen público pola pandemia, arroxan un pequeno déficit, pero en todo caso serán xustificados na próxima Asamblea diante dos nosos accionistas. 

   

- Este ano cumprirás nove tempadas consecutivas como presidenta, todo un récord, e tes ás costas dous campionatos de Liga, dous ascensos e unha Copa Federación. Como se califica dende dentro toda esta bagaxe?

O fútbol non ten memoria, polo que semella que o último ascenso foi fai anos. Dende dentro, seguindo a filosofía de traballo do “pasiño a pasiño”, traballando cada día para facer un pouquiño máis grande ao club, esquecemos pronto todo o bo que xa está feito, e seguimos buscando como facer un pouquiño mais, non hai tempo para laiarse, pero as veces hai que lembralo para seguir con ilusión. Dous ascensos, dous campionatos de Liga e unha Copa Federación en oito anos non soa mal, pero queremos máis!


- Neste tempo ,en que cambiou a tua percepción do club? Que non terias feito do que fixeches como presidenta?

Mirando cara atrás, lembro que chegamos nun moi mal momento ao Pontevedra CF, o club estaba afundido no económico e no social, non houbo moito que pensar, só se podía remar para saír a flote, simplemente era o noso club e había que empezar a traballar, polo que a percepción para mín segue a ser a mesma, entón e hoxe, nunca perdeu a esencia do que era, un club importante de fútbol en España e Galicia, un sentimento de pertenza e unha entidade necesitada de agarimo na que crer para que poida seguir crecendo.

Agora si que vou falar en primeira persoa: moitas cousas das que fixen non as repetiría, dende logo, pero os erros serven para aprender, aínda que no fútbol a rectificación ten que ser mais rápida do normal, porque non hai tempo.


- O peor momento seguramente foi dous anos atrás, cando no se conseguiu entrar na Primera Federación na tempada de reestructuracion da Segunda B. ¿Diso tamén se aprende?

Momentos malos no fútbol hai moitos, é certo que os bos se disfrutan o dobre. Apréndese de todo, Xabi, claro. Isto é fútbol, e ten que conxugarse todo cada tempada para que saia ben. Acerto coas fichaxes e corpo técnico, poucas lesións, unión coa afección, un pouquiño de sorte e finalmente, ás veces, as cousas saen. Pero non deixamos de intentalo!


- Parlamentaria, empresaria, nai de tres fillos, presidenta do Pontevedra. De onde sacas o tempo?

Traballo no que me gusta, e sinto paixón polo que fago, polo que é unha sorte poder estar, aprender e aportar alí onde teño unha responsabilidade.

- Canto tempo máis de presidenta?

Vaia pregunta Xabi!!! Ata que entenda que toca estar, mentras sexa necesario.


- O soño da Segunda División (paso previo á Primeira) é posible non só para os nosos netos?

Os soños ás veces fanse realidade, se ti crees, segue soñando, Xabi, porque se non cremos e soñamos en grande, nunca os soños se convertirán en realidade e o Pontevedra CF será grande. Non queda outra, soñemos que podemos!!!

- Apertas e sorte.

Moitas grazas.

0 Comentarios
Inicia sesión o regístrate para comentar
Lo último
Álex González seguirá vistiendo la granate durante la temporada 24/25
Denis Sotelo.
hace 4 días
Yago Iglesias continúa en el Pontevedra CF
Denis Sotelo.
hace 4 días
8
O equipo fundador do Atlético Pontevedrés é recibido en Pasarón pola Presidenta
Denis Sotelo.
hace 8 días
El Pontevedra CF instalará el domingo una Fan Zone para los aficionados granates en la explanada exterior trasera del Pabellón Municipal de Deportes
Denis Sotelo.
hace un mes